PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A PROTECCIÓN, A CONSERVACIÓN E A MELLORA DOS RÍOS GALEGOS.

PROPOSICIÓN DE LEI DE INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR PARA A PROTECCIÓN, A CONSERVACIÓN E A MELLORA DOS RÍOS GALEGOS

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Os ríos galegos caracterízanse por unha elevada biodiversidade dentro do seu contexto ibérico e europeo. A súa grande biodiversidade e porcentaxe de endemismos outórganlle un valor excepcional na actual situación mundial de crise ecolóxica. Nos ríos galegos viven perto de 400 especies endémicas de invertebrados, e neles descobríronse perto de 80 especies novas para a Ciencia.

Aliás, os ríos xogaron un papel trascendental na economía tradicional e na conformación das características socio-culturais e psicolóxicas do pobo galego. Estas funcións seguen vixentes na actualidade, aínda que modificadas, xa que o alonxamento entre a sociedade e a natureza orixina novas necesidades. Como resposta, surden novas actividades económicas relacionadas co desfrute da natureza, a través do deporte, o lecer, o coñecemnto ou o turismo, mais que poden verse impedidas polo uso enerxético abusivo.

As paisaxes de Galiza están determinadas polos seus ríos. A auga e os ríos tiveron desde sempre un alto valor simbólico na Galiza, significando hospitalidade, fraternidade, e fonte de vida no sentido máis amplo. Arredor dos usos tradicionais da auga xurdiron relacións sociais e culturais integradoras, que permanecen na forma de recursos histórico-culturais e etnográficos.

Mais os ríos atópanse hoxe en perigo. A alteración física, debida sobre todo ás presas hidroelétricas, a perda e degradación dos hábitats, a invasión das zonas de inundación por todo tipo de construcións, a sobreexplotación, a contaminación e a introducción de especies non nativas, son os factores que máis contribúen á diminución da súa biodiversidade. Os mencionados recursos socio-culturais corren a mesma sorte que os ríos

As presas hidroeléctricas fan que mais do 70% dos nosos leitos fluviais sexan inaccesíbeis ás especies migratorias. O salmón é un bon indicativo da perda de poboacións nos nosos ríos: nos últimos 50 anos, as súas existencias reducíronse en máis dun 99%.

Danse casos frecuentes e xeneralizados de contaminación orgánica, que afectan permanente ou temporalmente a máis do 80 % da rede hidrográfica galega. Tamén é preocupante a contaminación por substancias químicas.

Introducíronse de forma intencionada (pesca deportiva) ou accidental (acuariofilia, comercio...) especies exóticas que causan graves problemas.

A alteración física do hábitat é o principal impacto sobre os nosos ríos e ecosistemas de auga doce: eliminación de zonas de inundación, destrución das brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos, e mesmo algúns paseos e praias fluviais.

As infraestructuras hidroeléctricas son responsábeis das principais afeccións aos ríos galegos. Galiza, con tan só o 5% do territorio e o 7% da poboación, xera o 25% de toda a electricidade de orixen hídrica do Estado español. O 34% da electricidade xerada en Galiza vai fora do país, expórtase, cunhas perdas no transporte que superan hoxe a toda a producción eólica en Galiza. Esta sobreprodución non redundou nun mellor abastecemento aos pobos e comarcas galegas.

Os principios de “prevención, de avaliación de impacto ambiental, de información pública, de participación cidadá, de educacón ambiental...” nos que se basea a Lei 1/1995 de protección ambiental de Galiza non se teñen materializado no caso dos ecosistemas fluviais. Diversos aspectos da Lei  7/1992 de pesca fluvial de Galiza están a ter unha aplicación deficiente, ao igual que a normativa de avaliación de impacto ambiental, sendo manifesta a necesidade de avaliar o impacto global de planos e programas mediante unha avaliación estratéxica dos mesmos.

Por outra banda, en 2000 aprobouse a Directiva Marco da Auga (DMA), Directiva 2000/60/CE, que establece un novo modelo de xestión da auga, de obrigada referencia, e ordena prevenir calquera nova deterioración dos ecosistemas acuáticos e atinxir como mínimo o “bon estado” de todas as augas no horizonte do ano 2015.

O “estado actual” dos ríos galegos alónxase moito do obxectivo de “bon estado”, o que fai necesario un plan de acción para correxir esta situación.

Como lexislación “marco”, a directiva establece un modelo de xestión e uns obxectivos comúns a nivel europeu, que deben ser alcanzados a través de medidas adoptadas a nivel estatal ou local. Nese sentido, o Estatuto de Autonomía de Galiza atribue as competencias de protección e ordenamento ambiental á administración autonómica, polo que da DMA se derivan novas obrigas para o noso país para avanzar na xestión racional e sustentábel da auga. 

 

Título I. Principios xerais

Artigo 1. Declárase unha prioridade de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial, incluindo a biodiversidade de flora e fauna dos ríos galegos, asi como o patrimonio etnográfico e histórico-cultural relacionado. Declárase asimesmo obriga das administracións públicas galegas garantir a súa protección, conservación e mellora. Con tal finalidade, e no que respecta aos valores naturais, asúmense os obxectivos máis avanzados da Directiva Marco da Auga e aplicaranse de forma prioritaria e urxente as medidas contidas na mesma.

Título II. Da planificación hidrolóxica

Artigo 2. A administración competente elaborará os novos planos hidrolóxicos para as novas demarcacións hidrográficas, conforme aos criterios básicos contidos na DMA e aos que se establecen na presente lei.

Artigo 3. Os planos hidrolóxicos aos que fai referencia o artigo anterior incluirán, particularizado para cada subsistema fluvial, cando menos:

3.1.Un plano de restauración dos ecosistemas fluviais, no que se refere aos Indicadores de Réxime hidrolóxico e Continuidade do río, co obxectivo de que as especies migratorias teñan acceso á toda a bacía hidrográfica das que eran orixinarias, ou cando menos a unha parte significativa que garanta con seguridade a sua pervivencia e sustentabilidade. Aproveitarase a caducidade das concesións hidroeléctricas e das captacións de recurso para restituir o meio á súa situación natural cando isto sexa necesario para acadar o bon estado das augas e dos ecosistemas acuáticos. Cando necesidades imperiosas de restauración o requiran, procederase ao rescate dos direitos concesionais con vistas á restauración do medio ao seu estado natural, incluíndo no seu caso a demolición da infraestructura.

3.2.Un plano de mellora integral dos ecosistemas fluviais, atendendo ás características morfolóxicas como a variación da profundidade e anchura do rio, a estructura, o substrato do leito do rio, estructura e calidade da zona ribeireña e prevención da contaminación difusa. Será obxetivo preferente do mesmo a creación de zonas de protección contra a escorrentía agrícola nas marxes laterais dos ríos, mediante filtros verdes que preveñan no posíbel as afeccións causadas pola contaminación difusa. Coa mesma finalidade, e de forma prioritaria para aquelas explotacións con incidencia directa na calidade do meio acuático, fomentarase unha agricultura e gandeiría respectuosas co medio ambiente.

3.3.Un plano de restauración de humedais e zonas de inundación dos ríos, e de restauración hidrolóxico-florestal das bacías, optando por solucións que minimicen os riscos e afeccións derivadas dos incendios florestais, e que contribúan a regular de forma natural as enchentes e a recarga de acuiferos.

3.4.Un plano de saneamento integral de todos os cursos fluviais que garanta a depuración integral dos vertidos urbanos e industriais, preferentemente mediante alternativas de tipo natural, eficiencia integral demostrada e baixo consumo enerxético, e unha atención equilibrada á prevención da contaminación en orixen en relación co tratamento. No que respecta ao saneamento dos vertidos urbanos, teranse en conta os modelos descentralizados de saneamento e aplicaranse as técnicas de análise do ciclo de vida para elixir as alternativas mais sustentábeis.

3.5. Crearase unha Rede de Vixiancia e Control do estado ecolóxico dos ríos, segundo o recomendado pola Directiva Marco da auga, contando coas diferentes equipas de investigación existentes en Galiza e promovendo os estudos encamiñados a determinar os valores de  referencia para Galiza.

Título III. Da protección integral dos ecosistemas fluviais

Artigo 4.

a) Elaborarase un plano para o estudo hidrobiolóxico dos ríos, no que se catalogue e cuantifique a biodiversidade fluvial, se desenvolvan estratexias de recuperación das especies ameazadas, e se controlen as poboacións das especies invasoras.

b) Elaborarase un plano para acadar a protección integral dunha parte significativa dos ecosistemas fluviais galegos, co obxectivo de garantir a conservación sustentábel da paisaxe e a biodiversidade fluviais. Estes espazos xestionaranse cos mesmo criterios que os que formen parte da Rede Natura 2000.

 

Título IV. Da xestión do uso da auga

Artigo 5. As diferentes actuacións relacionadas coa auga e os ríos basearanse nos principios de xestión da demanda, recuperación de custos e consideración da auga e os ríos como un activo ecosocial. En consecuencia, deberán establecerse dotacións de recurso de referencia, atendendo a criterios de disponibilidade, eficiencia e racionalidade no uso, e compatilidade cos obxectivos ambientais de non deterioración e recuperación do bon estado das augas. En todo caso, as dotacións de referencia serán aquelas que garantan a satisfación das necesidades básicas das persoas, non superando os 150 l/hab.día para usos domésticos urbanos, ou as que se deriven da aplicación das mellores tecnoloxías disponíbeis no referido aos usos agrogandeiro e industrial. Non se autorizará ningunha infraestructura hidráulica, captación de recurso, vertido ou uso cando se superen as dotacións de referencia e causen efectos negativos no medio fluvial. Naqueles casos de tradición e valor sociocultural recoñecidos, a rega será gratuita e terá prioridade en xeral sobre os novos usos industriais e enerxéticos.

 

Título V. Da participación cidadá nas políticas da auga

Artigo 6. Garantirase a participación efectiva da cidadanía tanto nos procesos de elaboración dos planos hidrolóxicos como nos procesos de autorización de cada infraestructura, plano, programa, ou proxecto. Garantirase o acceso á información ambiental, á participación na toma de decisións e o acceso á xustiza en cuestións ambientais, na forma en que o establece o Convenio Internacional de Aahrus. Os organismos de toma de decisións no referido a planos e programas contarán cunha representación paritaria de membros de entidades sociais en relación a suma dos membros da administración e das entidades directamente interesadas nos usos da auga. Asimesmo, arbitraranse vías de participación efectiva das poboacións locais na toma de decisión sobre proxectos que afecten ao seu territorio, incluindo o direito a referendo.

 

Título VI. Da educación ambiental e capacitación

Artigo 7.

a)     Elaborarase, dacordo coas liñas e pautas de actuación definidas na Estratexia Galega de Educación Ambiental, un plano de educación ambiental relacionado cos usos doméstico, industrial e agrogandeiro da auga, priorizando a redución do consumo e a prevención da contaminación, con atención específica tanto ao meio urbano como ao rural, coa finalidade de comezar a construir unha nova cultura da auga.

b)     Elaborarase, tamén na mesma liña da EGEA, un plano de educación ambiental para o aforro enerxético, con actuacións particularizadas para cada eido de interese, como o consumo doméstico, o transporte e desprazamentos, e o consumo industrial.

c)     Atenderase a concienciación sobre os perigos das especies invasoras, tanto do público en xeral como de sectores chave, entre os que se atopan o turismo, o comercio, o transporte, etc.,

d)     Atenderase de forma urxente as necesidades de capacitación técnica do persoal das administracións hidráulica en particular, e do persoal da administración autonómica e local relacionada cos diferentes aspectos desta Lei.

 

Disposicións

 

Disposición adicional primeira

A administración elaborará os regulamentos e dotarase dos recursos necesarios para o desenvolvemento desta lei. 

Disposición adicional segunda

A presente lei é de aplicación naqueles ámbitos territoriais e materias nos que a Comunidade Autónoma de Galiza detenta as competencias.

Disposición transitoria primeira

Mentres os novos planos aos que fai referencia o artigo 2 non entren en vigor, paralízase calquera nova actuación sobre os ríos galegos, incluíndo aquelas que contan con proxectos en tramitación ou autorizados.

Disposición transitoria segunda

A Xunta de Galiza xestionará a transferencia para Galiza das competencias en materia de planificación hidrolóxica nas bacías dos sistemas Miño-Sil, Limia e Támega, como paso previo á configuración das correspondentes demarcacións territoriais nas que deberá participar o Minho e o Douro Portugués.

Disposición derogatoria

Deróganse aquelas normas de igual ou inferior rango que entren en contradición cos contidos da presente Lei. Deróganse en especial o Plano Sectorial Hidroelectrico e os Planos hidrolóxicos de bacia actualmente en vigor.

MEMBROS DA COMISIÓN PROMOTORA

 

- ALBERTE SÁNCHEZ REGUEIRO

- DANIEL LÓPEZ VISPO

- XOSÉ SALVADORES COBAS

- MANUEL SOTO CASTIÑEIRA

- CRISTINA AMOR FAYA

- MARÍA XOSÉ VÁZQUEZ

- SUSO DE TORO

- MÓNICA GARCÍA

- PEDRO J. ALONSO

- MARCIAL BARRAL

- ALBERTE LEMA

- FERNANDO MALVAR

- CHAO REGO

- FRANCISCO BAHAMONDE

- ANA RODRÍGUEZ

- FERNANDO COBO

- MARCOS GONZÁLEZ

- CELESTIN

 

salir.jpg (1925 bytes) Saír